Somos un colectivo disperso pola xeografía, dispar nas idades, variopinto nas profesións e diverso noutras múltiples facetas. Convócanos e reúnenos o noso pasado nas aulas do mosteiro de Samos e a formación austera do Colexio Benedictino. Agora, xa todos na idade provecta da xubilación, nada hai que impida a alegría de volver a vernos mentres haxa saúde.
Neste ano 2024 fomos capaces de xuntarnos unha ducia de compañeiros, que mantemos vivo o espírito das primeiras reunións e un incuestionable e demostrado amor e devoción por Samos, co seu mosteiro, coa súa xente, coa súa paisaxe, coa súa historia, co seu latexo actual, co seu pasado... Esta edición estivo marcada polos recentes falecementos do P. Domingo Candelas e do compañeiro Ricardo Lito Martínez Barros, un dos firmes mantedores e organizadores das nosas Xuntanzas. Por iso os actos organizados estiveron presididos polo recordo e pola homenaxe aos monxes e compañeiros falecidos.
Para esta homenaxe invitamos á señora alcaldesa de Samos, María Jesús López López, quen accedeu a recibirnos no concello e acompañarnos nos actos da mañá cunha receptividade e acollida encomiables, que lle agradecemos infinitamente.
O día 15 de xuño, as 10,30 h foi a cita no restaurante a Veiga, onde couberon os saúdos e as benvidas e onde compartimos un almorzo colectivo.
Posteriormente trasládomos á pé ata a Casa do Concello.No Concello houbo unha recepción no salón de plenos por parte da alcaldesa quen agradeceu aos antigos alumnos do mosteiro a súa presenza en Samos, o feito de que escollesen Samos para as súas Xuntanzas ao longo de tantos anos e igualmente expresou o ofrecemento do Concello como lugar de acollida institucional para este colectivo. Por parte dos exalumnos intervimos catro compañeiros con diferentes alocucións.
O xantar no restaurante A Veiga cumpriu a tradición de anos anteriores.
Na despedida, un paseo polo casco histórico de Sarria.
ALOCUCIÓN DE MANUEL BUSTO EN RESPOSTA Á RECEPCIÓN DA SEÑORA ALCALDESA:
Señora
alcaldesa, Chus López, moitas grazas pola deferencia de recibirnos nesta casa
do pobo de Samos.
Aquí
estamos doce exalumnos do mosteiro, que hai xa moitos anos formamos parte da
poboación que animaba a paisaxe privilexiada desta vila. Aquí estudamos e
vivimos cando eramos nenos e adolescentes, desde 1960 a 1972, quizais
inconscientes da enorme influencia que aquela experiencia estaba a causar en
nós. Transcorreu máis de medio século e o feitizo de Samos nunca minguou.
Vimos
unha ducia dun total de 152 alumnos que chegaron a Samos entre os anos 1960 e
1969. Dese total, fomos capaces de localizar, no seu día, algo máis de 90.
Outros tres xa faleceran cando convocamos a I Xuntanza. A estas reunións acudimos
45 compañeiros en cada unha das dúas primeiras Xuntanzas. Desde entón, o
número de asistentes foi diminuíndo por diferentes razóns (oito faleceron,
outros están maiores ou afectados por
enfemidades, algúns residen no estranxeiro ou en lugares moi distantes, tamén o
casancio e a desafección...). Por iso quero destacar os 12 que hoxe acudimos a
Samos, porque mantemos viva a memoria daquel Colexio Benedictino e daquela
etapa que nos fixo compañeiros e porque simultaneamente amosamos o noso
compromiso e devoción por Samos e polo mosteiro.
Na presente XII Xuntanza, os nosos sentimentos
mesturan a alegría por volver a estar xuntos e a tristeza do recente pasamento
dun dos nosos compañeiros máis significados e entrañables, Ricardo Lito Martínez Barros. Por
iso quixemos que esta reunión sexa para recordar e honrar a Ricardo e aos
demais compañeiros e monxes que faleceron nos tres últimos decenios, no período
que abarcan as nosas xuntanzas. Contar co acompañamento da primeira autoridade
de Samos para esta homenaxe contribúe, sen dúbida, a magnificar este acto.
Somos conscientes de que ao amigo
Ricardo lle gustaría contar con este refrendo institucional, pois foi el en
varias ocasións quen invitara aos anteriores acaldes de Samos a participar
nalgunha das nosas Xuntanzas e tamén nunha homenaxe que lle fixeramos ao Padre
Maximino Arias.
Tamén quero recordar unha frase que
Ricardo Lito lle expresara aos anteriores alcaldes: “que deberían mirar os
exalumnos do mosteiro como verdadeiros embaixadores de Samos espallados
polo mundo”. Recollendo esta frase,
entendemos que somos embaixadores ou algo semellante porque sentimos Samos con
orgullo, porque queremos esta terra, porque a nosa etapa aquí nos marcou
definitivamente e porque difundimos e amosamos esa querencia nos múltiples
ámbitos e lugares que habitamos.
Regresar a Samos é sempre unha alegría
e unha necesidade, coma a do fillo que volve á casa dos ancestros. Vimos para
vivir e para recordar, pero fundamentalmente para fortalecer os lazos tecidos
durante a nosa infancia nesta vila.
Xa non queda ningún dos monxes
coetáneos nosos, moitos deles profesores e amigos. Non nos queda “familia” no
mosteiro. Por iso a nosa gratitude acada unha cota elevada por este recibimento
na Casa do Concello e pola túa amabilidade e acollida.
Moitas grazas, de corazón. Que Samos
teña en ti unha rexedora sabia e laboriosa, capaz de conducilo a feliz destino.
Manuel Busto Galego, en representación do colectivo de exalumnos do mosteiro.
TEXTOS LIDOS NA OFRENDA FLORAL AOS COMPAÑEIROS FALECIDOS:
JOSÉ PABLOS GONZÁLEZ. Sempre lle chamamos Pepín. Era sobriño de Rosa de Viladetrés. Da provincia de León, coma ela. Era da promoción de 1964. No mosteiro de Samos estudou no colexio e dous anos no noviciado. Volvemos a recuperalo na I e na II Xuntanzas, xa como garda civil que tiña o seu destino no cuartel de La Virgen del Camino, moi preto da cidade de León. Lembramos que na I Xuntanza non estivera para facer a foto oficial, pois ausentárase para ir saudar á súa tía. Poucos anos despois da II Xuntanza soubemos do seu pasamento. Hoxe recordámolo con agarimo, case trinta anos despois. Rosa era súa tía e rosa é a flor con que o honramos no río da vida.
JOSÉ LUÍS CASTRO TABOADA. Era natural de Merlín (Agolada).
Estivo no Colexio Benedictino de Samos catro anos, desde 1966 a 1970. Despois
emigrou a Baracaldo e alí residiu ata a fin dos seus días, nos que un cancro o
levou aos 56 anos. Destacamos de José Luís Castro a moita ilusión que lle facía
asistir ás reunións en Samos cos excompañeiros de estudos. Sempre se organizaba
para acudir cos outros compañeiros que residían no País Vasco. Con idéntica ilusión e afecto o recordamos
hoxe aquí entre nós.
JOSÉ LUÍS LÓPEZ ARMESTO. Coñecido entre os compañeiros como “Paradela”, pois era natural de Paradela. Estivo no colexio do mosteiro desde 1964 a 1967. Despois volveu á súa vila natal e xa de adulto visitámolo varias veces no bar A Ruxidoira, que rexentou durante anos a carón do Colexio do seu pobo. Acudiu a varias Xuntanzas sempre con evidente alegría e elegancia. Un cancro levouno prematuramente no ano 2017 cando tiña sesenta e poucos anos. Hoxe Paradela volve estar connosco en Samos, no noso afecto e na nosa memoria.
![]() |
Oración elaborada por Manuel Regal Ledo |
RUDESINDO RIVERO MARTÍNEZ, nacido na Limia (Ourense) e con residencia permanente en Avilés. Era da promoción de 1958. Estivo dous anos no colexio en San Clodio e posteriormente en Samos. Contaban algúns dos seus coetáneos o gran cambio que experimentara Rudesindo entre aquel neno que saía por primeira vez da súa aldea limiá e o Rudesindo coa impronta samanense. Acudiu á maioría das Xuntanzas, sempre cunha finura exquisita, no seu trato afable e agradecido, na súa vestimenta elegante e impecable. Nas últimas Xuntanzas veu acompañado do seu fillo porque a el prescribíranlle non conducir. Cando foi convocado telefonicamente para a X Xuntanza recibimos a triste noticia de que morrera dous anos atrás na pandemia. Aquí volve estar hoxe presente nesta duodécima convocatoria co noso recordatorio e o tributo que lle dedicamos.
AURELIO BOLAÑO BOLAÑO. Tamén era da promoción de 1958. Oriúndo da Limia. Bo compañeiro e moi afectuoso. Alegre e moi falador. Nunha das fotografías da súa etapa en Samos aparece sorrindo e cun sacho na man, xunto a outro grupo de compañeiros, pois estaban cavando para construír o campo de fútbol de Viladetrés. Desde a época da I Xuntanza residía en Vigo, onde foi taxista e presidente do sindicato do Taxi. Acudía puntualmente a todas cantas reunións se convocasen dos compañeiros de Samos, animoso e orgulloso das súas dúas fillas, tituladas universitarias e con cargos relevantes. Asistiu á última reunión xa enfermo da doenza que causaría o seu óbito. Queremos recordar aquí con cariño o seu bo compañeirismo e simpatía e facerlle xusta memoria.
CONSTANTINO CASTRO SARMIENTO. Oriúndo da Limia, alto, espigado e atlético. Así aparece nas imaxes da súa etapa monástica en Samos e trinta anos despois nas Xuntanzas. Acudiu a dúas delas desde Vigo, onde traballaba nunha empresa de telecomunicacións. Os problemas da vida e un alzhéimer prematuro fórono apartando ata que se produciu o seu óbito. Del mantemos recordos agradables, que hoxe queren ser de honra ao compañeiro que viviu a alegría adolescente dos claustros recén restaurados.
P. BAUTISTA VÁZQUEZ. Natural da parroquia de Penosiños, no concello de Ramirás, un concello da comarca de Celanova. Tivo un papel destacado sobre unha boa parte dos exalumnos destas Xuntanzas. El foi reitor e axudante do Colexio e profesor nas promocións de 1958 e 1960. Posteriormente o abade trasladouno ao colexio de Mayagüez, en Porto Rico e alí en América deixou a orde benedictina e trasladouse como crego a Nova Iork, onde rexentou unha parroquia durante moitos anos e cuxo exercicio mereceu que o Papa lle concedese o nomeamento de monseñor. Nos veráns acudía de vacacións a Galicia e nunca faltou a unha cita cos exalumnos de Samos, organizada por Ricardo Lito Martínez Barros, que con frecuencia o acollía na súa casa de Baíña, en Baiona. Nestas xuntanzas o P. Bautista ou P. Perfecto amosábase sumamente extrovertido, simpático e sempre disposto aos acertixos, ás adiviñas, aos xogos de palabras, á broma. Del destácabase sempre o seu bo estado de saúde, a súa vitalidade e o seu permanente bo humor. Estivo connosco en Samos na VI Xuntanza, no ano 2009 e oficiou el a misa. Hai tres anos, de maneira súbita, deixounos con 85 anos. Os seus restos están en Nova Iork. Samos e os exalumnos do mosteiro honrámolo nesta súa terra de querencia onde deixou grato recordo.
RICARDO LITO MARTÍNEZ BARROS. Apuntaba un compañeiro hai uns días que Ricardo foi un dos piares destas Xuntanzas de exalumnos do mosteiro. A súa definida personalidade e o seu trato afable e cálido fixérono acreedor do xeral recoñecemento. A todos nos honrou coa súa amizade e coas súas apertas que marcaban o inicio e o remate de cada xuntanza. Estivo en todas as Xuntanzas, excepto nunha que por un pequeno problema de saúde tivo que ser hospitalizado uns días. Víase que viña con ilusión e que disfrutaba con todos os compañeiros e con todas as actividades organizadas. Sempre lle parecían intersesantes e sempre as enxuizaba coa mirada panorámica da súa demostrada sensibilidade e cultura.
O 24 de marzo pasado un infarto truncou de súpeto toda a
ilusión que poñía no seu traballo, na súa familia, nos seus amigos. Os
compañeiros de Samos choramos o seu óbito e sentiremos longamente a súa
ausencia. Coma hoxe. Recordalo e expresar os nosos sentimentos encol del
serviranos de alivio e simultaneamente de homenaxe ao infortunado amigo falecido.
Depositamos esta rosa sobre as frescas augas do río de Samos
para que viaxe a carón do mosteiro que o acolleu na infancia, como metáfora do
periplo vital que todos percorremos e que cando chega ao mar, expira. “As nosas
vidas son os ríos que van da ao mar, que é o morrer”.
Xunto á rosa van os nosos sentimentos de fidelidade ao amigo
desde hai tantos anos e de tantas vivencias compartidas en amizade. Para ti,
querido primo.
TEXTO DE CELSO PENEDO:
Querido, Lito:
Quero que saibas que estamos eiquí por ti e contigo. Foron moitos anos de sana amizade, que sempre mantivemos dende aquil día que me deixaches unha nota na oficina, para que fora visitarte ao teu despacho. Bendito día!
De cando en vez tomabamos café na cafetería que hai frente ó teu bufete, falabamos da familia, de viaxes..., pero na nosa conversa, nunca faltaba Samos e os compañeiros máis achegados, que mantemos esa semente viva que dende nenos levamos do mosteiro de Samos.
Hai poucos días, o día 31 de maio, estiven no teu bufete. Non volvera alí dende que ti nos deixaches. Subín a escaleira e xa na planta, a mirada fóiseme á dereita, onde está o teu despacho. Resultoume difícil crer que que xa non estás; a porta estaba aberta, todo estaba ordenado como ti o deixaches; e pensei no difícil que será que alguén poida sustituirte, co teu sorriso, co teu saber estar, que sempre trasmitías ós teus clientes de maneira inigualable.
Agárdame no alén e cando chegue o día do reencontro definitivo, volve a regalarme co teu amplo sorriso de amigo entrañable.
Celso Penedo Pérez.
MI EXPERIENCIA CON LITO (Manuel Ángel Castro Vega).
Cuando hace muchos años, ya no recuerdo cuántos, sonó el teléfono de mi casa convocándome a la I XUNTANZA DE EX ALUMNOS DE SAMOS a través de la voz de Manuel Busto pensé que aquello sería el principio de una gran experiencia.
Cuando llegue al claustro y me encontré con toda aquella gente, a los que a muchos no los conocía, pensé que de allí saldría una buena experiencia y no me equivoqué.
En las presentaciones me llamó la atención que todo el mundo me fue dando la mano excepto una persona. Esta persona me la presentó Manolo Busto como Ricardo Martínez Barros, Lito. Él no me dio la mano directamente me dio un abrazo y eso me pareció un gesto de cercanía y muy cálido.
Después de eso hubo otras Xuntanzas, comidas, jornadas de trabajo, excursiones etc. Y ahí descubrí a la persona, un hombre bueno, culto, agradable y agradecido por todas esas pequeñas reuniones que crearon un gran vínculo entre nosotros, a mí siempre me agradecía muchísimo mi esfuerzo por acudir a todas esas convocatorias, que a lo largo de los años, fueron muchas.
Para mí se nos fue un amigo que siempre estaba dispuesto a ayudar a quien lo necesitara.
P. DOMINGO CANDELAS, P. MODESTO FERNÁNDEZ, OS DEMAIS MONXES E OUTROS COMPAÑEIROS FALECIDOS
A totalidade dos monxes que foron coetáneos nosos no mosteiro
faleceron. Hai poucos meses morría o P. Domingo Candelas, o derradeiro
referente da nosa época. Para el todo o noso afecto en memoria agradecida pola
súa afabilidade, pola paz que emanaba da súa enxoita figura e pola alegría e
agarimo da súa perenne acollida. Tivemos a satisfacción de despedilo
colectivamente na pasada Xuntanza cando o seu estado de saúde xa era sumamente
delicado.
Descansade en paz, monxes e compañeiros todos, xa formades un grupo ben numeroso para facerdes xuntanzas no alén. O paxariño da lenda apuntounos que pronto -trescentos anos son un día, dicía o salmo- estaremos convosco de novo no paraíso anunciado polo trilo do reiseñor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario