Coa simplicidade destes versiños que vos mandamos queremos contribuír tamén a subliñar a múltiple variedade da fermosura, reflexo en todo caso da fermosura grande, fontal, de Deus, do Deus que no Nadal nos recorda a súa constante proximidade e compromiso connosco.
Desde o portal de Belén,
onde apunta a solidariedade de Deus
e nacen todas as esperanzas,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde o mundo da aldea,
onde a esperanza viste as roupas humildes
da terra e da auga,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde os fogares de renda escasa ou nula,
onde a esperanza se fai berro e demanda,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde a xente sen fogar, desafiuzada, sen
portal,
onde a esperanza se fai rabia e bágoas,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde os conflitos armados da humanidade,
onde a esperanza é moza frustrada,
castigada,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde os soños sociais, políticos,
onde a esperanza se viste de noiva,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde a Igrexa pobre e para a xente pobre,
onde a esperanza abre cautelosos camiños,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde as páxinas de Irimia, Encrucillada e
Fervenza,
onde a esperanza se fai palabra humilde,
tatexante, servidora,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde o corazón de Deus,
onde a esperanza é xeito natural e eterno,
feliz Nadal, feliz ano novo.
Desde a casa, a familia, o corazón deste
amigo,
onde a esperanza sofre violencias,
pero é máis vigorosa que todos os seus
contrarios,
feliz Nadal, feliz ano novo.
MANUEL REGAL LEDO