Mostrando entradas con la etiqueta SAMOS NA VOZ DOS POETAS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta SAMOS NA VOZ DOS POETAS. Mostrar todas las entradas

27.4.19

O CIPRÉS E A ERMIDA

Millenta soles deron volta ao mundo
desque unha santa man benedictina
chantou en terra este ciprés votivo
cabo da ermida.
As sedentas raíces alongadas
ao maino río, as pólas arrandea
na luminosa altura dos floridos
campos de estrelas.
O tronco forte, ríxido e cincento
enmantado en follaxe verdemoura,
vive sereno, estático, calado,
místico ensoño.
Fitando ao lonxe os ouros dos luceiros
e os sorbedoiros tráxicos da vida,
logra a paz do silencio en soidade
contemplativa.
Ao solpor, cando o vento manseliño 
enche de bicos as folliñas tenras,
seu rumor é un versículo dun salmo
da natureza.
O reiseñor e o río, ás retesías,
erguen no seu louvor líricas trobas
nas claras noites en que tece a lúa
rendas de noiva.
E ás primeiras raiolas do abrente 
voan ao seu redor as anduriñas
e os seus ramallos zoan coma tensas
cordas de lira.
...
Asceta sarmentoso, pensativo,
cuberto da cogulla denegrida
tal parece a columna circia, inmóbil
dun estilita.
Enxergado no val viu ledizoso
fender as mouras laxes pizarrentas
e asentar do mosteiro os alicerces
pedra por pedra.
Vido de Leyre en voo para Armenteira,
o paxaro da lenda milagrosa
nel estivo tres séculos trinando
cancións de gloria.
Á súa beira, axexador de rumbos,
teceu seus albos soños de novicio
o egrexio monxe nado no recuncho
de Casdemiro.
Ollou a Pedro Vea entrar no río,
pescador de nereidas para ornato
da cantareira fonte primorosa
gala do claustro.
Por raíña e señora ten a ermida.
En servizo perenne foi lañado
pola estocada súbita de ardente
fúlxido raio.
Mais sostense baril, a longa e forte
lanza enristrada, firme no seu posto
como esforzado paladín antergo
dun Paso Honroso.
A longa vida vexetal cumprida,
de inclemencias e tempos abatido,
un día caerá con grande estrondo,
núo o sequizo.
As nervudas raíces baixo terra
seguirán abrazando, entretecidas
coas seculares pedras dos cimentos
a vella ermida!
Irmán dos graves monxes silandeiros,
símbolo da plegaria e do recato,
resalta e loce no abacial escudo
gloria de Samos!
                                RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ (Adaptación)

5.2.14

O ANXO E A CAMPÁ

 Poema do libro SAMOS de Ramón Cabanillas Enríquez editado en 1959 e cuxos beneficios se destinaron a contribuír á restauración do mosteiro despois do incendio de 1951. A ilustración pertence ao mesmo libro e é da autoría do ilustrador pontevedrés Agustín Portela.

O ANXO E A CAMPÁ

En vivencia parlante e transcendente,
da elevada misión que cumpre oufana,
baixo un anxo de pedra, está pendente,
no cruzamento dos claustros, a campá.

Día tras noite, da leal amiga
as badaladas graves e sonoras,
con ledicia e dozura de cantiga,
marcan e miden o correr das horas.

Servidora da Regra, voz do Abade,
sempre atenta ao mandado, sempre alerta,
en tributo á claustral Comunidade,
labouras, clases e oracións concerta.


O anxo de pedra, orante silencioso
en inmóbil actitude estatuaria,
é o monástico emblema  relixioso
da paz, da soidade e da pregaria.

Cando pasan os monxes ao seu lado
lles rinden con fervor unha sorrisa,
que ven neles o símbolo prezado
da máis amada monacal divisa.

Do anxo as mans xuntas dinlles: Ora!
Da campá o tanguido di: Labora!

(Adaptado á actual normativa)



13.12.09

SAMOS (Álvaro Cunqueiro)

LAS NEREIDAS
No era una isla del Egeo, ni Nereo el Dios Padre. Llegaron a Samos siguiendo el cauce de leche, con las vieiras por escamas, camino de Santiago; sin caderas, marcado el talle bajo, el cuerpo tatuado y las piernas inmóviles bajo el disfraz marino. Y dispararon sus pechos de piedra mientras murmuraban con sus bocas de agua. Y no les importó el error. Galicia también las hizo hijas suyas, desde su humedad y su mito.
“Siendo quien soy, amigo de las fabulosas imaginaciones, me acerco al patio en que está la fuente de las Nereidas. (…) Si la fuente ésta, en vez de ser gracia barroca, fuese invención medieval, de los días de las famosas peregrinaciones, ¡qué de leyendas no hubiesen podido surgir en el camino!”
"Y cuando los peregrinos hayan abandonado el camino de los montes y saluden alegres los valles pratenses, el monasterio de San Julián puede y debe ser la hospedería impar, el día de reposo soñado. Todo lo tiene Samos, desde el silencio sosegador del estrecho valle hasta la emocionada perfección de las ceremonias litúrgicas, el prestigio de la gran historia, el atractivo de la cultura monacal..."
Álvaro Cunqueiro, A vísperas en Samos.

29.5.09

RíO ORIBIO

O Oribio camiña engorde
dende a serra deica o val
vai a rentes do mosteiro
fai camiño devagar.
Oribio de frías augas
ten un vieiro longal
feito sobre chan esgrevio
do seu terrón secular.
Un camiño verdecente
no largacío torzal
onde se pousan as brétemas
ao morreren no serán.
Unha canle de terra viva
na terra viva e lanzal
labourada con amor
no silencio fraternal.
Ouh río Oribio, boi bravo
garuleiro furacán..!
Poldro salvaxe da serra
sen nome para te chamar.
Ouh río, antergo río,
antergo como a soidá,
cabalo de puro sangue
galloupando polo val.
---Tiquitiqui, tiquitaque,
tiquitaque, tiquitac---.
Paso firme, testa ergueita
camiño do longo mar.

FIZ VERGARA VILARIÑO (Adaptación).

2.5.09

SAMOS, ALÁ NO FONDO

Nun fondal da Galicia bretemoso e labrusco,
ecoante de brados, sartego vougo e fusco,
recóndito, esquecido, de estreitos horizontes,
murado a todos ventos por penedos e montes
onde ouveaba o lobo famento e sanguiñoso
e aniñaba entre estripos a camada do oso,
verdecía o recuncho que o tempo fixo sagro
con raiolas de Historia e bicos de milagro.
Sámamos foi o nome que os antergos lle deron
non prístinos infolios, e tal o coñeceron
as cohortes romanas e os rudos celtas loiros
de diferentes frameas e de féridos coiros
(...)
RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ

25.4.09

O CLAUSTRO GRANDE OU DE FEIXOO

Horta e xardín, do claustro nos plantíos
de legumes, de hortensias e de rosas,
os Padres Reverendos - falas suaves,
ademáns repousados e tranquilos
e pasadas leviáns e silenciosas-
pasean de vagar, lentos e graves,
en conversas unxidas de dozura,
de casos de moral e teoloxía,
dun erro sustantivo na lectura
dun antigo diploma,
das misións nunha terra en lonxanía
e os decretos da Orden e de Roma,
mentres no pedestal, inmóbil, erguido,
sorrí bondadoso e escoita compracido
o noso Padre Feixoo, o Mestre aceso
pola verdade, alleo ao prexuízo,
que aquí xogou novicio
e vestiu a cogulla de profeso;
o gran galego de visión certeira
e pluma sabia, crítica e recoita,
que aquí atopou repouso na canseira
do longo enseño e da esforzada loita.
O evocador xardín do claustro antigo
ten o dulzor do encontro cun amigo
dos breves anos da sinxela infancia.
RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ. "Samos"

13.4.09

VAL DE LÓUZARA

Atravesando Aira Padrón
a calquera hora
vense fanegas e fanegas de xesteiras
e uceiros e carrascos
esparexidas ó longo das serras avesías
e vese tamén a Lóuzara Xabreira
-¡aló
embaixo!-
afondada nun sartego verde
verde
verde
¡triste color da Esperanza
a enfeitar a tomba dunha patria
en desamparo!
“¡Arreda, follaxe verde,
deixa clarexar o sol.
Estamos soios no monte,
Non vemos xente nin dios!”
FIZ VERGARA VILARIÑO (Orfo de ti en terra adentro)

4.3.09

SAMOS, POR MANUEL REGAL LEDO

Moreas longas de pedra
fillas de estilos e séculos
para cantarlle ás estrelas.
Soños mil de auga e vento
ó vavivén de corpos e almas
en irrepetible ascenso.
Forxa de santos e escravos,
vacilante pabío aceso,
ronsel de namorados.
Canción calmosa de outono
ó lentor da hora décima
cando a tebra invita ao sono.
Amenceres e solpores
terciando en dor e esperanza
os mañáns sempre mellores.
Primeiro pé no carreiro
de vidas estremecidas
polo limpo e verdadeiro.
Auga que lambe e rodea
paciencia longa e teimuda
sobre do ar que abanea.
Misterio de vida e morte
ora et labora, pax
en benedictina sorte.
Manuel Regal Ledo.

23.2.09

FIZ VERGARA VILARIÑO

Naceu en Lóuzara, fermoso e fondo val do Concello de Samos, en 1953. Afectado por unha grave doenza, estudiou o Bacharelato en Lugo para de seguida voltar á súa aldea natal, onde residiu na casa paterna, adicado unicamente á literatura. Mais a pesar da súa invalidez non estivo recluído, e foron frecuentes as súas saídas na amorosa compañía de seus pais ou de súa irmá Irene, que con frecuencia lle serviu de rapsoda para os seus poemas, moitas veces premiados e de cotío presentes en recitais.
O seu primeiro libro, prologado por Xesús Alonso Montero, foi Pra vós (1971). Logo saíron Encontro cos tiburós (1973), Orfo de ti en terra adentro (1976), Poeta muiñeiro á deriva (1983), Nos eidos da bremanza (1990, Premio Galicia da Crítica) e Pastora de sorrisos (1993).Na poesía de Fiz Vergara hai que distinguir dúas etapas, articuladas ó redor do libro "Orfo de ti en terra adentro". Na primeira, Vergara é un poeta inmaduro, cheo eso si de forza, pero bastante inexperto na técnica literaria, de xeito que moitos dos seus poemas quedan falidos. Pero xa "Poeta muiñeiro á deriva" mostra claramente o que se podía esperar del, o cal queda perfectamente confirmado nese grande, fermoso, terrible libro que é "Nos eidos da bremanza". A poesía de Fiz Vergara é áspera e docísima, xentil e sobrecolledora, e nela brillan as palabras máis gastadas coma se acabasen de ser inventadas para a ocasión.
Fiz Vergara Vilariño morreu en Lóuzara o 18 de xullo de 1997.
PERCORRENDO LÓUZARA
I
Eu nacín nun pobo cego
das montañas louzariñas,
son irmau de dúas mociñas
e fillo de pai labrego.
II
Lóuzara é terra escura,
boca de lobo famento;
os dentes son os penedos
e a néboa da mañá o alento.
III
Catro muros de montañas
fan de curro os bidueiros,
que de pelexar co vento
verten follas nos regueiros.
IV
Lóuzara é val sin meimos
é terriña de labranza
e os homes mantén a esperanza,
rubindo esterco prós leiros.
V
Río Lóuzara, onde vas?
onde che morre o marmulo?
No Lor, no Sil ou no Miño
ou cecais na fin do mundo?
VI
Miña Lóuzara esquecida
de escravitude esfolada,
miña bisbarra, meu pobo,
eu lévovos nas entrañas.

31.1.09

Ó REAL MOSTEIRO DE SAMOS

Como un ramalliño de rosas sangales
pañadas nos folios dos vellos anales,
nos místicos hortos, nas edras claustrales,
nos ritos antergos, nos áureos corales,

xurdiu esta historia trazada e tecida
en prácidas horas á beira da ermida,
do edoso alcipreste, da fonte durmida,
compás da elevada, monástica vida.

Trasposto de ensoños, o humilde trobeiro
rendido á beleza, feliz prisioneiro
das pedras lendarias do sagro mosteiro,

lla ofrenda con fonda, divina saudade
ós monxes de esgrevia virtude e bondade
tronco, honor e luz da Cristiandade.
RAMÓN CABANILLAS