Mostrando entradas con la etiqueta PERSPECTIVAS PERSOAIS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PERSPECTIVAS PERSOAIS. Mostrar todas las entradas
4.12.12
OBRAS DE RESTAURACIÓN E VISITA A SAMOS
A finais do mes de agosto pasado, un compromiso particular levoume a visitar a Comunidade e o Mosteiro de Samos. Á ledicia do retorno a este lugar sempre referente na miña vida, debo sumar algunhas impresións, algunha non por repetida menos reseñable coma o caloroso recibimento e atencións con que nos colman os monxes, algo rapidamente perceptible para as diversas persoas que me acompañaron en diferentes visitas.
Unha impresión moi agradable foi ver a mellora construtiva e estética que supuxeron as obras de restauración do tellado da igrexa monacal e da cúpula da mesma. Incluso o recebo branco da cúpula creo que a fai resaltar maxestuosa e coroa magníficamente o monumento.
Outra obra moi agradecida e necesaria foi a pavimentación con perpiaño granítico dos accesos á portería desde as escalinatas que hai no adro da igrexa. Elegante, ben resolto e sumamente práctico, pois favorece o acceso e evita luxarse de terra os pés nos días de chuvia e acceder ao interior do mosteiro noutras condicións máis hixiénicas.
A impresión máis triste do día foi saber do estado de saúde de varios monxes aqueixados de serias doenzas. Tres membros da xa mermada comunidade ocupaban ese día a enfermeiría, un deles convalecente dunha operación moi recente. Desde aquí expresámoslles a nosa solidariedade e desexos de restablecer a saúde.
28.6.12
TORRE DO RELOXO E CLAUSTRO DE FEIXÓO
Esta imaxe, que encabeza o blog desde hai dous meses é da autoría do compañeiro Celso Penedo Pérez, natural de Puga (Toén) e con residencia en Cabral (Vigo). Na súa época de colexial no mosteiro de Samos, aínda adolescente, pintaba este debuxo minucioso retratando un dos laterais do claustro do P. Feixóo e os limitados horizontes que comprimen o val de Samos. Na última reunión que tivemos en Ribadavia tróuxoo como un elemento máis dese recordo que paulatinamente imos reconstruíndo do noso paso polos muros claustrais de Samos. Á vista do debuxo, xulgamos que era merecente que todos o puidésemos compartir. E velaquí está.
17.9.09
ENTREVISTA CON MANUEL REGAL LEDO
O pasado mes de agosto aparecía na edición dixital de "La Voz de Galicia" unha entrevista co compañeiro e amigo Manolo Regal Ledo. Nela podemos saber do seu labor, sempre admirable, a prol da xente campesiña, do movemento rural cristián, como terapeuta do Proxecto Home, como escritor,e das súas múltiples inquedanzas.
Sempre é unha ledicia reencontrarnos en Samos. Tamén é motivo de alegría ler esta entrevista.
8.4.09
E LOGO SAMOS
“E logo Samos.
Grazas de corazón por Samos,
por aqueles 16 anos vivindo á sombra de vellas tradicións relixiosas,
onde penosamente e gozosamente a un tempo
te fun albiscando e nomeando,
te fun gozando,
nun proceso lento e complexo,
que pasou por etapas de tensión íntima,
próxima ás veces á autodestrución,
e foi avanzando por carreiros de sosego e liberdade.
De te ver coma algo externo, ríxido e impoñente
--porque te impoñías e porque impoñías normas--,
a verte algo interno, próximo e amable,
porque eras o fondo máis meu de min mesmo,
eramos –somos- os dous un.
Todo unha gracia do Espírito,
Ao que sempre lle quixen dar fe,
con moito pecado polo medio,
con moito desoír a túa voz máis limpa dentro de min;
un Espírito que me foi chegando
a través de moitas e variadas voces
naqueles anos densos que foron do 60 ao 76,
e que se poden condensar no feito do Concilio Vaticano II,
que foi unha verdadeira bomba de saúde espiritual,
de liberdade,
para a Igrexa, para o mundo, para a fe,
para min.
Cantos nomes, cantas lecturas, cantas experiencias de vida!
Que complexos somos,
que complexo son eu polo menos,
para necesitar tanto para avanzar tan pouco!
Con que paciencia e comprensión debo ollar
para os camiños e procesos doutras persoas!
“Que parvos e lentos sodes
para crer todo o que anunciaron os profetas!”(Lc 24,25).
E, a máis diso,
dunha maneira máis simple aínda,
Samos foi para min
ocasión de comer máis variado,
ocasión de estudar
--cousa vetada daquela para a xente pobre--,
ocasión de abrir a mente, o corazón,
á cultura, á historia, á arte, á reflexión,
á capacidade de análise sobre o que somos e vivimos,
á capacidade de discernimento persoal,
á capacidade de entender e asumir Galicia,
tantas cousas
que me serían imposibles,
se non fose por aquel recurso estraño
de procurar postulantes de monxes
de entre as familias pobres dos pobos!
Escrituras dereitas
que Deus facía, coma tantas outras veces,
coas liñas tortas da súa Igrexa
e doutras institucións coma ela!”
Unha aperta para todos e ata o día 7 de xuño en Samos.
MANOLO REGAL LEDO
Suscribirse a:
Entradas (Atom)


