Mostrando entradas con la etiqueta LUGARES DE INTERESE DE SAMOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta LUGARES DE INTERESE DE SAMOS. Mostrar todas las entradas

5.5.24

O RÍO E O MOSTEIRO

Fachada sur do mosteiro de Samos

         Da Semana Santa de 1975 data esta imaxe inédita do entrañable mosteiro. A austera arquitectura con fachadas de cachotería interrompidas por numerosas fiestras enmarcadas en perpiaño granítico, os xeométricos tellados de lousa de pizarra, asomando ao río, xunto á grandiosidade do edificio histórico, acaparan todo o protagonismo do lugar.

        Samos foi ante todo un mosteiro, rodeado de casiñas labregas que xiraban cal satélites arredor do cenobio benedictino. Actualmente, a arquitectura e a historia do mosteiro manteñen o pasado prestixio, pero a vila que vive no seu entorno, gañou en presenza e a vida depende moito menos do que aconteza no espazo ascético monacal. 

        Os tempos mudan e os espazos van variando e seguindo o ritmos dos seus sucesivos moradores. Hai medio século o río aparecía xalonado de esveltos lamigueiros que se alzaban lanzais, sobrepasando en altura a fachada sur do mosteiro. Alguén xulgou que cegaba vistas en ambas direccións e as árbores foron substituídas por outras de menor fuste e crearon unha atmosfera máis diáfana e despexada.

    O río pasa a carón do magno edificio, con paso coutado e regalando beleza e frescura. O seu leve rumor elévase como un salmo benedictino entre a nobre arquitectura e a excelsa natureza que o rodea. Entre a Horta da Botica e a Horta da Cociña discorre o longo manancial en abundancia, con seiva nutricia do Oribio e recendos de breixo de Pena Partida.


25.1.11

LÓUZARA

O 6 de xuño de 2009, na Xuntanza de ex-alumnos do mosteiro de Samos, visitamos a parroquia samonense de Lóuzara. A brétema e a chuvia aliáronse naquela xornada para impedirnos gozar da marabilla natural das súas paisaxes. Coas imaxes que protagonizan este artigo pretendemos resarcir aos excursionistas daquela data e deixar sentada a excelencia paisaxística deste recanto do concello de Samos.

Lóuzara é antesala do Courel, paraíso de montañas vizosas e vales profundos encaixados. É o universo persoal que tan ben cantara o poeta de Santalla, Fiz Vergara Vilariño. Poucas veces unha terra estivo tan intimamente unida ao seu cantor. A Lóuzara Xabreira vese magnificada e dignificada nos versos do poeta de Santalla de Abaixo.
Que hoxe falemos de Lóuzara vén orixinado por unha noticia e un artigo na prensa, que lograron en nós un lóxico desacougo. Só pensalo estremece: o paso do AVE por Lóuzara. Cantos paraísos hai que sacrificar en nome do progreso? Quédanos a esperanza de que só sexa unha entelequia. Velaquí as ligazóns a ambos textos:

El tren de alta voracidad (O autor deste artigo, Javier Guitián Rivera, é biólogo e catedrático na Universidade de Santiago e dirixe a recentemente inaugurada Estación Científica do Courel, ademais de ser autor de numerosas publicacións de carácter científico e de divulgación periodística).





Muíños e vivenda en Ponte Lóuzara.
O río Lóuzara baixa impoluto e frío pola Ponte Lóuzara.
Campo onde se celebra a festa da auga en Santalla de Arriba.
O río Lóuzara en Santalla de Arriba.
Santalla de Arriba, inalterada, como hai corenta anos coa salvedade da pequena estrada de asfalto que conduce a Seceda. Entón era un camiño de carro.
O Teso da Lomba, fronte á cova de Santalla. De feliz lembranza e difícil ascensión.
Sombra do souto, preto da entrada da cova de Santalla. Aquí soubemos de estalagmitas e estalactitas. A rocha calacaria de Lóuzara dá orixe a varias grutas coñecidas e expoliadas.
Desde Santalla cara a Ponte Lóuzara.
A paisaxe de Lóuzara só ten dúas eivas que afectan á mirada: a canteira de mármore e as intalacións dunha recente e pequena piscifactoría.

Cantos rolados no leito do Lóuzara ao seu paso por Santalla de Abaixo.
Veiga de Santalla, fronte á casa natal de Fiz Vergara Vilariño.
Ménsulas de castiñeiro baixo o corredor da casa do poeta louzariño.
Galería da casa do poeta e igrexa de Santalla.

O poeta e o autor destas imaxes "sós coma penedos nos eidos da bremanza".

Veiga de Santalla.
Despois de Parada de Santalla, a montaña é un ucedo coureliano.
Oxalá nunca os trens teñan que furar estas montañas destripando estalactitas de paciencia secular e destruíndo paraísos tan excelsos.

6.7.10

DOMUS ITINERIS

Ao ladiño do mosteiro de Samos. Unha casa de turismo, albergue para camiñantes, pousada de hóspedes. Propiedade dos monxes de Samos. Alugada e xestionada por veciños de Samos.
Domus Itineris, pegadiña á escaleira que sobe ao cemiterio da vila de Samos, mesmo enfrente da Sala Capitular. Na web da casa está o resto da información de interese.
O Camiño e o Mosteiro son os auténticos salvagardas das despoboadas terras de Samos.

3.3.10

CASA FORTE DE LUSÍO RESTAURADA

Na IV Xuntanza de ex-samonenses, en maio de 2003, acudimos a visitar a Casa Forte de Lusío despois de compartirmos xantar no restaurante A Veiga. O edificio estaba desafectado do uso agrícola dos últimos anos e presentaba un estado que só invitaba a pensar nunha desexable restauración e en dedicalo a un novo uso de tipo cultural ou hostaleiro. Pouco tempo despois (2006), a comunidade de monxes benedictinos de Samos firmaría un convenio de cesión e restauración coa Xunta de Galicia. Hoxe a restauración xa é unha realidade e iso alégranos especialmente pois este lugar figura na nosa memoria samonense como lugar de múltiples visitas que formaban parte dos paseos que nos levaban polo val do Real, cara a Pena Partida e Triacastela.
No xornal dixital http://www.noticiascamino.com/ encontrei a nova da restauración cunha imaxe do novo aspecto do edificio e aquí vola deixo. As tres primeiras imaxes corresponden a xornada da IV Xuntanza.
Casi tres años después de la firma del convenio firmado entre la Xunta de Galicia y el prior de la abadía lucense de Samos (propietaria del edificio) para su restauración, la Casa Grande de Lusío luce un nuevo y magnífico aspecto.
El convenio se firmó en 2006 entre el entonces conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, y el prior del monasterio samoense, José Luis Vélez, y estipulaba la cesión por parte del monasterio de los derechos reales de uso del edificio durante un período de 55 años. La restauración del emblemático edificio palaciego, datado en el siglo XVI, se cifró en dos millones y medio de euros y ha corrido a cargo de la empresa DICSA, de Pontevedra.
En el edificio está prevista la apertura de un nuevo albergue con unas 70 plazas. Igualmente, en la parte noble del edificio (torre del homenaje, capilla, cocina…) se acordó en el convenio arriba mencionado la instalación de un museo dedicado al ilustre matemático Vázquez Queipo de Llano, nacido en la Casa Grande de Lusío en 1804. Un segundo proyecto museográfico versará sobre la etnografía y agricultura tradicional de la montaña gallega.
Falta sólo su inauguración y apertura como albergue. José Luis Vélez, prior de Samos, ha calificado la restauración del edificio como “muy buena, ejemplar”. En declaraciones a nuestro diario el prior resalta que las obras “han sabido guardar y mantener los materiales antiguos y han resuelto el acondicionamiento para los usos actuales de un modo muy inteligente”.

18.2.10

PROXECTOS PARA A RESTAURACIÓN DO PRIORADO DE SAN EUFRASIO. VAL DO MAO (O INCIO)

En 2006, na V Xuntanza de ex-samonenses, visitamos a igrexa e a casa do antigo Priorado de Val do Mao. Naquela ocasión fomos varios os que lamentamos o estado que presentaba o edificio do que fora casa dos monxes de Samos. Hoxe traemos aquí noticias de esperanza para tan noble edificación.
O edificio ruinoso da actual casa reitoral de Santa María de Val do Mao foi antigamente Priorado dos monxes benedictinos que administraban esta feligresía e dependían do mosteiro de San Xiao e Sta. Basilisa de Samos. O edificio é un gran caserón de planta cadrada, que consta de baixo, sobrado e faiado. Os muros exteriores foron construídos con lousa de pizarra e protexidos da choiva por un pronunciado beiril, algúns dos seus lenzos están recubertos por argamasa e o tellado a catro augas formado por vigas, apontonado de castiñeiro e lousa. No muro que dá á cociña aínda conserva unha galería de madeira. A porta de entrada facilita o acceso ao amplo patio e en torno ao mesmo están distribuídas as cabalerizas, cortes, forno e outras dependencias. Desde a planta baixa accédese ao piso alto por unhas amplas escaleiras feitas con grosas táboas de castiñeiro e protexidas por un pasamáns de madeira torneado con barrotes ben realizados a semellanza dunha balaustrada; na planta alta un ancho corredor intercomunica todos os cuartos, cociña, sala e outras dependencias entre elas o arquivo, biblioteca que actualmente está desprovista dos seus fondos. Este magnífico edificio mestura de paz e residencia para relixiosos, loce no seu gran frontis dúas boas pedras armeiras timbradas con divisas do abade e as armas propias do mosteiro de Samos. Despois da desamortización, esta casa priorado quedou como casa reitoral e de non acometerse obras de restauración, correría igual sorte que moitas outras, condenada a unha ruína total.
O xornal El Progreso recollía onte a seguinte entrevista co alcalde de O Incio, na que fala da intención do Concello para acometer a restauración do edificio e dedicalo a albergue.
O templo parroquial
Edificado na parte superior do val, parece mirar constantemente ás humildes casas de labradores que polas proximidades están e xusto enfronte o enorme caserón que un día foi residencia dos monxes benedictinos de Samos, que durante séculos rexentaron a feligresía. A orixe da igrexa de Sta. María de Val do Mao está adornada pola aura da lenda. San Pedro enviou á Península Ibérica a sete dos seus discípulos, os chamados varóns apostólicos. San Eufrasio, un daqueles emisarios da nova fe, terminou en Andalucía. A doutrina cristiá callou e Eufrasio chegou a ser Bispo de Illiturgi, a actual Andúxar (Xaén). A tradición conta que os cristiáns andaluces, varridos polos alfanxes da morería, fuxiron ao norte no ano 700 cos restos do santo bispo ao lombo. Chegada a expedición ao Incio, o burriñoo que portaba os restos humanos de Eufrasio detívose perante unha silveira e negouse a avanzar, nese lugar deuse sepultura ao santo e levantouse a primeira versión de Igrexa de Sta. María. Coa realización das escavacións arqueolóxicas ao remodelar o templo acháronse dentro da ábsida os restos do que puido ser o primitivo santuario, trátase dun pequeno cuarto de catro por catro metros, onde seguramente o santo estivese enterrado alí antes do actual emprazamento. Outro descubrimento de certa importancia son as pinturas murais que datan do século XV, e representan S. Eufrasio bispo?, Sta. Catalina, ademais dun rosetón xeométrico. O que acertadamente se pode chamar templo- cemiterio é de humilde fábrica e máis sinxelo aspecto, que segundo os expertos foi construído cara ao século VIII, e tras un período visigótico foi adaptado ao nacente estilo románico. Circunda o conxunto unha parede que pecha o adro-necrópole, que é común nos tres templos do val do Mao. Un teitume de madeira e lousa arrinca dos lenzos da nave e cobren este claustro-deambulatorio. Quen se fixe no tellado desde fóra pareceralle que templo e o camposanto non están separados por parede algunha, non sendo así na realidade. O frontis, áchase protexido por un sinxelo soportal, sostido por catro columnas, as mesmas aséntanse sobre unhas bastas bases para rematar en sinxelos capiteis; é algo máis ancho que a nave e pecha todo o recinto pola parte frontal. A nave, consta de planta rectangular e cóbrese a dúas augas, reforzado o teitume por sete vigas tirantes, comunica co presbiterio mediante o arco triunfal, sinxelo, de medio punto e carente de motivos ornamentais; na capela maior o seu piso está algo máis elevado que no resto cuberta a cinco planos polo teitume e na parte interior un sinxelo artesonado de madeira. Unhas sinxelas fiestras-aspilleiras facilitan a iluminación interior.

7.11.09

O CIPRÉS DE SAMOS

No suplemento "Culturas" publicaba hoxe a Voz de Galicia este artigo do xuíz Ventura Pérez Mariño sobre "O milenario ciprés de Samos"As fotos son do día da VI Xuntanza.