22.2.10

A GRAZA DAQUEL VERÁN

Hai xa algo máis de dous meses recibín este fermoso agasallo do compañeiro e amigo Manolo Regal. Outro libro máis na súa extensa produción literario-relixiosa, cuxas portada e contraportada reproduzo nas imaxes. Lino de inmediato e esperaba unha máis pronta ocasión para dar noticia aquí do meu agradecemento e compartir convosco algunha das súas reflexións. Escollín un poema que aparece nos inicios do libro e que leva por título Beneficios Recibidos.


BENEFICIOS RECIBIDOS

Grazas
pola Terra marabillosa na que nacín,
suave e produtiva,
repleta de lentura para a vida,
humilde e amorosa coma Ti, meu Deus.

Grazas
polos meus pais, Xoán e María,
que no amor me teceron no seu seo
e con amor me abriron as portas deste mundo.

Grazas
especialmente grazas
polo amor da miña mamá María,
que me pariu e me amou ata o extremo:
"canto máis feíño es, máis eu te quero" -seica dicía-,
talmente coma Ti, Nai-Pai do ceo.

Grazas
porque nacín fillo dun pobo, o galego,
arroupado por lendas, tradición, cultura, fala,
crenzas
e así nunca me vin espido para afrontar a vida.

Grazas
polos espazos naturais que acompañaron os meus primeiros pasos,
desde o cume solemne do Faro
ata as ribeiras sagradas do Miño,
e me recubriron de realismo e de misterio.
Que fermoso Ti, meu Deus, bulindo neles!

Grazas
polo meu pai Xoán,
que lembro enfermo, canso do traballo e da dor da vida,
alegre e eufórico tamén por veces, conversador,
morto.
E eu levantando en min anacos do seu corpo, da súa alma,
igual que os levo de ti, meu Deus!

Grazas
polos meus irmáns Tareixa e Xoán,
feitos para min coma segundos pais en ausencia dos primeiros,
diferentes en moitas cousas,
pero agradecidos polo sangue e o espírito que nos une.

Grazas
polos anos pasados en Pesqueiras,
mamando aldea da man marabillosa do Roxelio,
coa tía Xosefa, coa Maruxa, coa Fina, co Manolo,
bautizado para sempre
nos valores purificadores e fecundos da ruralidade.

Grazas
por Samos,
polo mosteiro, polos monxes, polo silencio,
por dezaseis marabillosos anos de "ora et labora",
de soños e esperanzas,
contigo coma berce e man amiga.

Grazas
por Xesús de Nazaré,
sinxelo e sorprendente home de aldea,
namorado de Deus e dos débiles,
e polo seu Evanxeo,
limpo e sinxelo e fondo camiño
de paz e de xustiza en liberdade.

Grazas
polos tres anos de Bilbao,
polos amigos e amigas para sempre alí labrados
(Visi, Fermín, Loli, Víctor, Patxi, Uli, Poli, Emilia, ...),
e pola descuberta asombrosa dunha maneira nova
de ser e de amar,
de tratarte a ti e de tratar a xente
na fe e na xustiza.

Grazas
polo Xosé Antón de Romariz (e o de agora),
pola súa acollida xenerosa,
que me abriu de novo ao mundo rural
e me forxou a contraluz como servidor concretísimo da aldea.

Grazas
polos veciños e veciñas de Romariz, Labrada, Montouto,
Fanoi, Quende, Galgao
(logo despois virían outras parroquias),
que me acolleron nas casas e nos corazóns,
que me ofreceron o mellor que me podían ofrecer:
amor e tolerancia.

Grazas
polos homes e mulleres que me foron acompañando no
Movemento Rural,
nesa busca humilde e persistente de Ti e dos teus todos e
todas
no corazón da aldea amada e agradecida.

Grazas
pola Esperanza, a Paquita, a Rosa e logo a Izaskun,
irmás nesta casa común da irmandade
cos corazóns sempre abertos
compartindo moitos soños e esperanzas, e algunhas decepcións.

Grazas
pola Delia que me quixo
e me fixo humilde aprendiz de tenrura,
sacando o meu amor de confusas redes destrutivas.
Tal coma Ti fas, Deus do amor, Deus de tódolos amores.

Grazas
por esta miña muller,
que a muller é sempre a chave da casa,
conforme di e afirma o meu amigo Xosé Bello.
Que sería de nós, os homes, sen elas,
e todo o que elas nos ofrecen cada día!
Igualiño coma Ti, Nai-Pai do ceo!

Grazas
pola miña filliña María,
sorpresa túa, Deus, nas nosas vidas,
reclamo de graza e de misterio,
tarefa diaria, acougo e esperanza.

Grazas
polo Proxecto Home,
que me deu traballo, pan, medios de vida
nun momento complexo de busca e novidade,
que me rodeou de vidas pobres
para andar en camiños limpos de irmandade.

Grazas
polo mundo da xente pobre e inmigrante,
polas fammilias estragadas que coñezo e atendo
e que me abren ao misterio da dor,
para que nese misterio te adore, sirva e acompañe.

Manuel Regal Ledo

1 comentario:

RICARDO MARTINEZ dijo...

Agradecemos el poder compartir los deseos, experiencias, sentimientos y esperanzas que nos traslada nuestro querido compañero Manuel Regal a través de su libro A GRAZA DE AQUEL VERAN que, por el "aperitivo" que nos entrega Manuel Busto, todo hace suponer que nos espera un gran festin cuando ese libro podamos disfrutarlo leyendolo en su totalidad.
Me quedo con las "tres gracias" del final que son esencia y síntesis de ese agradecimiento vital que con tanta maestría y acierto desarrolla Manolo en una de las partes de su libro. Porque le conozco, porque hemos compartido misa, mesa, musica, pupitre y mantel, por eso aprecio con mayor intensidad la lucha interna, y en silencio, que Manolo sostiene a lo largo de su existencia. De ahí que cuando "grita o exclama" a través de sus pensamientos escritos, entiendo mejor su lenguaje y sus querencias.
Gracias, Manolo, porque me permites revivir momentos álgidos de nuestras vida. Espero con impaciencia completar la lectura de tu libro
Un abrazo

RICARDO LITO MARTINEZ BARROS