18.2.10

PROXECTOS PARA A RESTAURACIÓN DO PRIORADO DE SAN EUFRASIO. VAL DO MAO (O INCIO)

En 2006, na V Xuntanza de ex-samonenses, visitamos a igrexa e a casa do antigo Priorado de Val do Mao. Naquela ocasión fomos varios os que lamentamos o estado que presentaba o edificio do que fora casa dos monxes de Samos. Hoxe traemos aquí noticias de esperanza para tan noble edificación.
O edificio ruinoso da actual casa reitoral de Santa María de Val do Mao foi antigamente Priorado dos monxes benedictinos que administraban esta feligresía e dependían do mosteiro de San Xiao e Sta. Basilisa de Samos. O edificio é un gran caserón de planta cadrada, que consta de baixo, sobrado e faiado. Os muros exteriores foron construídos con lousa de pizarra e protexidos da choiva por un pronunciado beiril, algúns dos seus lenzos están recubertos por argamasa e o tellado a catro augas formado por vigas, apontonado de castiñeiro e lousa. No muro que dá á cociña aínda conserva unha galería de madeira. A porta de entrada facilita o acceso ao amplo patio e en torno ao mesmo están distribuídas as cabalerizas, cortes, forno e outras dependencias. Desde a planta baixa accédese ao piso alto por unhas amplas escaleiras feitas con grosas táboas de castiñeiro e protexidas por un pasamáns de madeira torneado con barrotes ben realizados a semellanza dunha balaustrada; na planta alta un ancho corredor intercomunica todos os cuartos, cociña, sala e outras dependencias entre elas o arquivo, biblioteca que actualmente está desprovista dos seus fondos. Este magnífico edificio mestura de paz e residencia para relixiosos, loce no seu gran frontis dúas boas pedras armeiras timbradas con divisas do abade e as armas propias do mosteiro de Samos. Despois da desamortización, esta casa priorado quedou como casa reitoral e de non acometerse obras de restauración, correría igual sorte que moitas outras, condenada a unha ruína total.
O xornal El Progreso recollía onte a seguinte entrevista co alcalde de O Incio, na que fala da intención do Concello para acometer a restauración do edificio e dedicalo a albergue.
O templo parroquial
Edificado na parte superior do val, parece mirar constantemente ás humildes casas de labradores que polas proximidades están e xusto enfronte o enorme caserón que un día foi residencia dos monxes benedictinos de Samos, que durante séculos rexentaron a feligresía. A orixe da igrexa de Sta. María de Val do Mao está adornada pola aura da lenda. San Pedro enviou á Península Ibérica a sete dos seus discípulos, os chamados varóns apostólicos. San Eufrasio, un daqueles emisarios da nova fe, terminou en Andalucía. A doutrina cristiá callou e Eufrasio chegou a ser Bispo de Illiturgi, a actual Andúxar (Xaén). A tradición conta que os cristiáns andaluces, varridos polos alfanxes da morería, fuxiron ao norte no ano 700 cos restos do santo bispo ao lombo. Chegada a expedición ao Incio, o burriñoo que portaba os restos humanos de Eufrasio detívose perante unha silveira e negouse a avanzar, nese lugar deuse sepultura ao santo e levantouse a primeira versión de Igrexa de Sta. María. Coa realización das escavacións arqueolóxicas ao remodelar o templo acháronse dentro da ábsida os restos do que puido ser o primitivo santuario, trátase dun pequeno cuarto de catro por catro metros, onde seguramente o santo estivese enterrado alí antes do actual emprazamento. Outro descubrimento de certa importancia son as pinturas murais que datan do século XV, e representan S. Eufrasio bispo?, Sta. Catalina, ademais dun rosetón xeométrico. O que acertadamente se pode chamar templo- cemiterio é de humilde fábrica e máis sinxelo aspecto, que segundo os expertos foi construído cara ao século VIII, e tras un período visigótico foi adaptado ao nacente estilo románico. Circunda o conxunto unha parede que pecha o adro-necrópole, que é común nos tres templos do val do Mao. Un teitume de madeira e lousa arrinca dos lenzos da nave e cobren este claustro-deambulatorio. Quen se fixe no tellado desde fóra pareceralle que templo e o camposanto non están separados por parede algunha, non sendo así na realidade. O frontis, áchase protexido por un sinxelo soportal, sostido por catro columnas, as mesmas aséntanse sobre unhas bastas bases para rematar en sinxelos capiteis; é algo máis ancho que a nave e pecha todo o recinto pola parte frontal. A nave, consta de planta rectangular e cóbrese a dúas augas, reforzado o teitume por sete vigas tirantes, comunica co presbiterio mediante o arco triunfal, sinxelo, de medio punto e carente de motivos ornamentais; na capela maior o seu piso está algo máis elevado que no resto cuberta a cinco planos polo teitume e na parte interior un sinxelo artesonado de madeira. Unhas sinxelas fiestras-aspilleiras facilitan a iluminación interior.

1 comentario:

RICARDO MARTINEZ dijo...

Manolo, leo esta mañana con especial atención y me recreo en las fotos que acompañan al texto sobre aquellos lugares de interés especial Y próximos a Samos o que guardan relación con el MOnasterio. Es una excelente iniciativa que puede ampliarse a aquellos lugares próximos o de interes cultural especial que guardan relacion con los que cotidianamente leemos y nos recreamos con nuestro blog
Es una pena que no hagamos uso de este instrumeneto sustitutivo de las cartas, del teléfono y de las señales de humo.
El ser humano siempre ha tenido necesidad de comunicarse con todo lo que le rodea para sentir satisfaccion y cumplir una inclinación telurica consistente en QUERER SABER. Desgraciadamente han atrofiado nuestras naturales inclinaciones con unos artificiales deseos que no se corresonden con los valores que nos hacen diferentes a otros seres.
Hay que rebelarse contra la mediocridad, contra la imposición de principios destructivos de la propia esencia del ser humano. Hay que intentar rebuscar de nuevo en lo que nos conduzca hacia la felicidad. La comunicación, aunque sea con nuestro animal de compañía, tiende a ir por la senda de la búsqueda de la felicidad. Por eso te agradezco el que nos incites con tus NOTICIAS para que podamos seguir comunicándonos

Un abrazo

RICARDO MARTINEZ BARROS