29.10.23

AS NEREIDAS DA FONTE DO CLAUSTRO GÓTICO

Unha extraordinaria fonte concentra todas as miradas e atencións no claustro gótico do mosteiro de Samos. Foi realizada cunha perfección escultórica sobresaliente e conta como mérito superior o seu deseño e ornamentación, obra do monxe frei Juan Vázquez, monxe de Samos, durante o abadiato de Frei Pedro de Vea. Construíuse entre 1713 e 1717. Da fonte di o arquitecto madrileño Miguel Durán: "La fuente de las Nereidas es una de las mejores de España y comparable con algunas famosas fuentes italianas del Renacimiento... La elegancia de su conjunto, la gracia de la composición y su ornamentación delicada, comparable a la de una pieza de orfebrería, hacen de esta fuente algo singular y exquisito". 

A fonte na actualidade co estanque deseñado polo P. Pedro de la Portilla.

A fonte aínda gañou moito en elegancia desde que o P. Pedro de la Portilla lle deseñara o estanque novo, realizado en granito, con formas barrocas, inserindo  arcos de circunferencia nun cadrado no peitoril do estanque e asentado este sobre unha base circular.

O gran poeta galego Ramón Cabanillas deixou no libro "Samos"  os máis excelsos versos da súa traxectoria poética. En varios apartados do libro versifica sobre a Fonte das Nereidas. E deixa constancia dos nomes das catro ninfas mitolóxicas (metade muller e metade peixe): EVAGORA, PASITEA, MELITE e AGANÉ.

A fonte en 1993 co anterior estanque circular e cun peitoril de cachotería recebado.

AS NEREIDAS

...

as nereidas que Hesiodo cantara,

gala un día dos mares helenos,

envexadas das deusas ciumosas,

amadas de Xove, bicadas de Eros:

Evagora, a das rendas sutiles

roubadas ós liños azuis do ceo;

Pasitea, a de escamas de nacre

e dos longos, flotantes cabelos;

a doce Melite da cauda de ouro,

timoneira de rumbos incertos,

e Agané, a das pérolas nidias,

faiscantes de luz de luceiros.

Son as roibas, mariñas nereidas

feridas de proas calzadas de ferro

das trirremes da lida de Actium

que fuxindo do Samos do Exeo

polo furo de Calpe saíron

en cobiza do Samos galego.

Nas noites de lúa

en que o val vive en morno sosego

e o río dormido sonea arrolado

por liviáns cantarolas do vento,

as nereidas, nevadas de lirios,

servidas de longo, lucido cortexo

de tritóns de buguina e tridente

e ondinas con tirsos, coroas e espellos,

-tal meninas e paxes da corte

en brillante desfile algareiro_ ,

envolveitas en rendas de escumas,

ras das augas rebulen, descendo

ó relanzo, cinguido de pontes

e sombrizo e folloso arboredo

que bica as paredes na sombra enxergadas

do inxente mosteiro.

1 comentario:

Lito dijo...

Interesante, muy interesante información. Y además, haciendo la comparativa entre el anterior estado de la fuente y el posterior, en el que tuvo su intervención el Padre Pedro de la Portilla, debo decir que ha mejorado la estética y la armonía de este monumento, de manera que estamos ante un conjunto escultórico y ornamental que enriquece el conjunto del claustro
Muchas gracias, Manolo, por rebuscar en los arcanos de la información temas de especial interés para los que amamos la belleza de lo que está bien hecho