27.4.19

O CIPRÉS E A ERMIDA

Millenta soles deron volta ao mundo
desque unha santa man benedictina
chantou en terra este ciprés votivo
cabo da ermida.
As sedentas raíces alongadas
ao maino río, as pólas arrandea
na luminosa altura dos floridos
campos de estrelas.
O tronco forte, ríxido e cincento
enmantado en follaxe verdemoura,
vive sereno, estático, calado,
místico ensoño.
Fitando ao lonxe os ouros dos luceiros
e os sorbedoiros tráxicos da vida,
logra a paz do silencio en soidade
contemplativa.
Ao solpor, cando o vento manseliño 
enche de bicos as folliñas tenras,
seu rumor é un versículo dun salmo
da natureza.
O reiseñor e o río, ás retesías,
erguen no seu louvor líricas trobas
nas claras noites en que tece a lúa
rendas de noiva.
E ás primeiras raiolas do abrente 
voan ao seu redor as anduriñas
e os seus ramallos zoan coma tensas
cordas de lira.
...
Asceta sarmentoso, pensativo,
cuberto da cogulla denegrida
tal parece a columna circia, inmóbil
dun estilita.
Enxergado no val viu ledizoso
fender as mouras laxes pizarrentas
e asentar do mosteiro os alicerces
pedra por pedra.
Vido de Leyre en voo para Armenteira,
o paxaro da lenda milagrosa
nel estivo tres séculos trinando
cancións de gloria.
Á súa beira, axexador de rumbos,
teceu seus albos soños de novicio
o egrexio monxe nado no recuncho
de Casdemiro.
Ollou a Pedro Vea entrar no río,
pescador de nereidas para ornato
da cantareira fonte primorosa
gala do claustro.
Por raíña e señora ten a ermida.
En servizo perenne foi lañado
pola estocada súbita de ardente
fúlxido raio.
Mais sostense baril, a longa e forte
lanza enristrada, firme no seu posto
como esforzado paladín antergo
dun Paso Honroso.
A longa vida vexetal cumprida,
de inclemencias e tempos abatido,
un día caerá con grande estrondo,
núo o sequizo.
As nervudas raíces baixo terra
seguirán abrazando, entretecidas
coas seculares pedras dos cimentos
a vella ermida!
Irmán dos graves monxes silandeiros,
símbolo da plegaria e do recato,
resalta e loce no abacial escudo
gloria de Samos!
                                RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ (Adaptación)

No hay comentarios: