22.6.14

REFECTORIO MONACAL

Con motivo de ter encontrado en Internet, na fototeca de Patrimonio Nacional algunhas fotografías do noso querido mosteiro de Samos, dedicamos este artigo ao refectorio, do cal figuraban dúas imaxes (a que precede estas letras, na que se apreza pola esquerda a porta de acceso ao refectorio desde o claustro das Nereidas. Nótese o cambio das madeiras da porta. E a segunda imaxe é a que segue a estas mesmas palabras, xa no interior do comedor monástico).
O refectorio do mosteiro de Samos é unha ampla estancia rectangular situada no ángulo suroeste do claustro pequeno ou das Nereidas. Destaca nel a súa bóveda con moi pouca curvatura. As tensións laterais desta bóveda equilíbranse polo lado do claustro coas tensións procedentes da bóveda de crucería do corredor gótico contiguo. Polo lateral da antiga cociña  houbo necesidade de reforzar os muros con prominentes e sólidos contrafortes.
O gusto renacentista aprézase nos arcos de carpanel e nos artesóns do intradorso da nervadura.
É fácil imaxinar que os monxes restauradores da vida monástica en Samos, despois da exclaustración, capitaneados polo abade Frei Gaspar de Villarroel, encontrasen este espazo abandonado, expoliado e cheo de suciedade. Unha remozadura deixaríao moi semellante ao que se pode aprezar nesta imaxe de comezos dos anos 40, cando xa a comunidade instalara a luz eléctrica no mosteiro, como pode distinguirse nas bombillas e no cableado externo do comedor, aínda sen lámpadas. Repárese na ausencia do friso-zócalo de madeira que se colocou posteriormente e nas tarimas de madeira que serven de base a mesas e bancos. Os cambios sucedéronse debido a varias obras de acondicionamento nos anos 40 e nas obras que sucederon a incendio de 1951.

Foto de mediados dos anos 40. Nela podemos aprezar varios cambios importantes no comedor: colocación do friso do zócalo, apertura dun gran ventanal na cebeceira, con instalación dunha elegante vidreira policromada, colocación de lámpadas no centro da bóveda. Obsérvese o púlpito e a porta que lle dá acceso.
Outra imaxe dos anos 40.
Amplo ventanal con vitral policromado que recolle unha cea de Santa Escolástica con San Bieito en Montecasino, na que unha tormenta veu a alterar o retorno de Santa Escolástica ao seu mosteiro.
Na vidreira figura a lenda: "Nostra conversatio in coelis est". Este ventanal foi practicado na parede que preside o refectorio dándolle maior luminosidade á sala  e magnificando a arquitectura do mesmo. O ventanal está rematado con arco de carpanel e o intradorso aparece profusamente adornado con casetóns.
Esta fotografía recolle o estado actual do refectorio. Nel, ademais das lámpadas máis voluminosas, pode observarse o novo pavimento instalado na reforma posterior ao incendio de 1951. Outra mellora notable foi a apertura da parede da escaleira de acceso ao púlpito. Dotouse dun peitoril esculpido en casetóns decorados a semellanza do resto do púlpito e abríuselle paso á luz do ventanal que agora se derrama sobre a estancia. 
Dotación de novo mobiliario saído do activo taller de carpintería que nos anos 50 e 60 funcionou na antiga portería do claustro grande.
Porta actual de acceso ao refectorio.

Detalle da parte central da porta coa inscrición do salmo: "edent pauperes et saturabuntur" (comerán os pobres e saciaranse).


Refección da Comunidade samonense no pasado agosto de 2013.

1 comentario:

Manuel Angel Castro dijo...

Que formalidad, parecemos aquellos estudiantes de hace tantos años que ni me acuerdo.

Un abrazo