28.2.14

O POETA RAMÓN CABANILLAS E SAMOS

Ramón Cabanillas Enríquez, o insigne poeta de Cambados, figura sobresaínte da lírica galega,  sostivo co mosteiro de Samos e coa Comunidade de monxes unha relación afectiva que deixou fonda pegada na súa vida e na do propio mosteiro. El mesmo chegou a denominar este cenobio como "O meu mosteiro", mesmo expresa nalgún momento o seu presentimento de que Samos puidera ser a súa sepultura (...desde luego desde Mayo estaré en Samos, en donde creo que tendré mi sepultura.), a el dedicou un dos poemarios descritivos  de maior calidade da literatura galega como tributo de gratitude á boa acollida dos monxes e previa petición do abade, P. Mauro Gómez Pereira. Referíndose a este poema épico-lírico, Ricardo Carballo Calero, que visitara a Cabanillas no seu retiro samonense, escribiu: "Poesía monacal de fonda raigame. Deslízanse os alexandrinos e os hendecasílabos coa maxestade dos compases dun oratorio. Isto é o poema: un oratorio no que a historia da ilustre abadía e a liturxia das súas Horas canónicas son orquestradas con melodiosa seriedade".
Cabanillas escribía nunha das súas cartas a Isidoro Millán: "El Abad parece estar muy satisfecho de las poesías y me dice que hará una edición de lujo (hará unas 100 páginas) con grabados. Vivir para ver. Claro que yo a lo único que me opondré será a que se emplee la fotografía, porque los libros con fotografías me dan la sensación de prospectos comerciales".


Como un ramalliño de rosas sangales
pañadas nos folios dos vellos anales,
nos místicos hortos, nas edras craustrales,
nos ritos antergos, nos sagros corales,
surdeu esta estoria, trazada e tecida
en prácidas horas á veira da ermida,
do edoso alcipreste, da fonte durmida,
compás da enlevada monástica vida.
Trasposto de ensoños, o homilde troveiro
rendido á beleza, felís prisioneiro
das pedras lendarias do santo mosteiro,
lla ofrenda con fonda divina saudade
ós monxes de esgrevia virtude e bondade
tronco, honor e luz da Cristiandade.

Ramón Cabanillas chegara a Samos o 14 de xullo de 1948, cando contaba xa con 71 anos de idade. Viña para pasar unha tempada na hospedería buscando a paz, o silencio e as musas para afondar na súa xeira poética. Repetiría as súas estadías no mosteiro nos veráns de 1949, 1950 e 1951. O incendio do mosteiro o 24 de setembro de 1951 e a posterior ruína do edificio monacal truncarían as futuribles estadías estivais.

 (Escribíalle a Isidoro Millán desde Madrid: "Do de Samos non sei que che decir: telegrafieille e escribinlle ó Abade e inda non tiven contesta, cousa que non me sorprende porque debe de estar outamente preocupado e atafegado: o máis certo será que o non verei até que nos encontremos en esa, a donde é seguro que non tardará en ir. Todo o mundo confía en que o mosteiro sexa reconstruído, mais elo ten de ser cousa de moito tempo, ó meu parecer.
Os meus papeles non sufriron ren, nin os dibuxos de Portela que me parecen moi bos". )
O 9 de outubro de 1965, Pío Cabanillas Gallas, sobriño do poeta e subsecretario do Ministerio de Información e Turismo inaugurou a placa que o mosteiro lle dedicou a D. Ramón Cabanillas como testemuño de afecto e recoñecemento.



Para ilustrar o libro "SAMOS" confiouse a tarefa ao debuxante e aparellador pontevedrés Agustín Portela Paz (1906 – 1992).  , quen acudiu a Samos para documentarse in situ, previa invitación expresa de Ramón Cabanillas e do P. Abade. Hoxe queremos deixarvos o documento gráfico onde se recollen os dez debuxos que ilustran o devandito poemario.



Paulatinamente iremos publicando neste blog fragmentos de cartas persoais que o poeta escribiu ao seu amigo Isidoro Millán e a Francisco Fernández del Riego durante as súas etapas monacais en Samos. Interésannos especialmente aquelas pasaxes referidas ao mosteiro ou aos monxes.

No hay comentarios: