
O 6 de xuño de 2009, na Xuntanza de ex-alumnos do mosteiro de Samos, visitamos a parroquia samonense de Lóuzara. A brétema e a chuvia aliáronse naquela xornada para impedirnos gozar da marabilla natural das súas paisaxes. Coas imaxes que protagonizan este artigo pretendemos resarcir aos excursionistas daquela data e deixar sentada a excelencia paisaxística deste recanto do concello de Samos.

Lóuzara é antesala do Courel, paraíso de montañas vizosas e vales profundos encaixados. É o universo persoal que tan ben cantara o poeta de Santalla, Fiz Vergara Vilariño. Poucas veces unha terra estivo tan intimamente unida ao seu cantor. A Lóuzara Xabreira vese magnificada e dignificada nos versos do poeta de Santalla de Abaixo.

Que hoxe falemos de Lóuzara vén orixinado por unha noticia e un artigo na prensa, que lograron en nós un lóxico desacougo. Só pensalo estremece: o paso do AVE por Lóuzara. Cantos paraísos hai que sacrificar en nome do progreso? Quédanos a esperanza de que só sexa unha entelequia. Velaquí as ligazóns a ambos textos:
El tren de alta voracidad (O autor deste artigo, Javier Guitián Rivera, é biólogo e catedrático na Universidade de Santiago e dirixe a recentemente inaugurada Estación Científica do Courel, ademais de ser autor de numerosas publicacións de carácter científico e de divulgación periodística).
Oxalá nunca os trens teñan que furar estas montañas destripando estalactitas de paciencia secular e destruíndo paraísos tan excelsos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario