27.12.09

UN NOVO ALBERGUE PRIVADO EN SAMOS

Un novo albergue prevé abrir as súas portas ao público de cara ao próximo Ano Santo en Samos para ofrecer 58 prazas de aloxamento aos peregrinos do Camiño Francés a Santiago.
O establecemento situarase nun céntrico edificio da capitalidade samonense, situado na rúa principal, fronte ao consistorio e con vistas ao mosteiro benedictino e ao río.
O inmoble, de baixo máis dúas plantas, está a ser restaurado por un empresario lucense fincado en Madrid, quen elixiu esta propiedade familiar para a súa conversión en albergue de peregrinos. As obras deron comezo o pasado mes de setembro para poder estar finalizadas en 2010, Ano Santo xacobeo no que se esperan miles de peregrinos no Camiño Francés. O seu obxectivo é abrir o establecemento nas datas previas á Semana Santa.
Cuartos
Segundo sinalou o promotor, o novo albergue ofrecerá 58 prazas de aloxamento, distribuídas en cuartos de catro a doce hóspedes. Na planta baixa deste edificio —onde no pasado funcionou unha barbería— situaranse a recepción, un salón-comedor, un baño adaptado para persoas con discapacidade física e un dormitorio de catro prazas. O resto dos dormitorios distribuiranse nas dúas plantas superiores, detallou.
O proxecto suporá un investimento que rolda os 200.000 euros, cantidade na que se inclúen tanto a restauración do inmoble como o seu equipamento.
O novo local virá incrementar a oferta para peregrinos do municipio de Samos, onde se contabilizan na actualidade algo máis de 120 prazas de aloxamento. Estas repártense entre o albergue da abadía, xestionado polos monxes benedictinos; o establecemento A cova do frade e A casiña de madeira. A eles súmanse outros hostais e casas de turismo rural, aos que tamén recorren en ocasións os camiñantes.
O municipio de Samos carece polo momento de albergue de titularidade pública, feito que se enmendará en breve coa apertura da Casa Grande de Lusío.
Lusío
Este edificio señorial, fundado no ano 1551, foi rehabilitado pola Xunta de Galicia cun investimento próximo aos 2,5 millóns de euros. Os traballos de remodelación comezaron no mes de maio de 2008, tras asinarse un convenio entre o Goberno galego e a comunidade benedictina de Samos —propietaria da casa—, mediante o cal cedeu o inmoble á Administración autonómica durante 55 anos.
A Casa Grande de Lusío ofrecerá medio centenar de prazas para pernoctacións de peregrinos. Á marxe do seu uso como albergue, proxectouse a construción dun museo sobre a figura do matemático Vicente María Vázquez Queipo de Llano —inventor das táboas logarítmicas, premiadas na Exposición Universal de París—, quen naceu neste histórico edificio a principios do século XIX.
Outro dos proxectos que están en marcha en Samos de cara ao próximo Ano Santo é o acondicionamento dun museo na abadía benedictina, no que mostrar ao público e conservar o gran patrimonio do mosteiro. Nesta obra traballou un obradoiro de emprego, clausurado hai só uns días tras un ano en funcionamento. Agora quedan pendentes de executar varios traballos para poder cumprir as previsións de apertura en 2010, co consecuente impulso que iso suporía para o municipio e a súa comarca.
El Progreso, 27-12-2009

No hay comentarios: