“E logo Samos.
Grazas de corazón por Samos,
por aqueles 16 anos vivindo á sombra de vellas tradicións relixiosas,
onde penosamente e gozosamente a un tempo
te fun albiscando e nomeando,
te fun gozando,
nun proceso lento e complexo,
que pasou por etapas de tensión íntima,
próxima ás veces á autodestrución,
e foi avanzando por carreiros de sosego e liberdade.
De te ver coma algo externo, ríxido e impoñente
--porque te impoñías e porque impoñías normas--,
a verte algo interno, próximo e amable,
porque eras o fondo máis meu de min mesmo,
eramos –somos- os dous un.
Todo unha gracia do Espírito,
Ao que sempre lle quixen dar fe,
con moito pecado polo medio,
con moito desoír a túa voz máis limpa dentro de min;
un Espírito que me foi chegando
a través de moitas e variadas voces
naqueles anos densos que foron do 60 ao 76,
e que se poden condensar no feito do Concilio Vaticano II,
que foi unha verdadeira bomba de saúde espiritual,
de liberdade,
para a Igrexa, para o mundo, para a fe,
para min.
Cantos nomes, cantas lecturas, cantas experiencias de vida!
Que complexos somos,
que complexo son eu polo menos,
para necesitar tanto para avanzar tan pouco!
Con que paciencia e comprensión debo ollar
para os camiños e procesos doutras persoas!
“Que parvos e lentos sodes
para crer todo o que anunciaron os profetas!”(Lc 24,25).
E, a máis diso,
dunha maneira máis simple aínda,
Samos foi para min
ocasión de comer máis variado,
ocasión de estudar
--cousa vetada daquela para a xente pobre--,
ocasión de abrir a mente, o corazón,
á cultura, á historia, á arte, á reflexión,
á capacidade de análise sobre o que somos e vivimos,
á capacidade de discernimento persoal,
á capacidade de entender e asumir Galicia,
tantas cousas
que me serían imposibles,
se non fose por aquel recurso estraño
de procurar postulantes de monxes
de entre as familias pobres dos pobos!
Escrituras dereitas
que Deus facía, coma tantas outras veces,
coas liñas tortas da súa Igrexa
e doutras institucións coma ela!”
Unha aperta para todos e ata o día 7 de xuño en Samos.
MANOLO REGAL LEDO
No hay comentarios:
Publicar un comentario