O pasado 7 de xuño, unha decena de exalumnos do mosteiro volviamos a Samos. Hai trinta anos -fora o 30 de abril de 1995 aquela primeira vez- que nos vimos reunindo en Samos. Primeiro foi trienalmente e desde hai cinco anos vímolo facendo anualmente.
Despois de tantos anos, quizais haxa que preguntarse cal é o vínculo que nos une. Podería ser a amizade, podería ser o compañeirismo cultivado no claustro durante os anos da infancia e da xuventude, podería ser o sentimento compartido da experiencia benedictina e monástica, dunha educación austera moi ríxida, contemplada desde a perspectiva actual. Podería ser... pero creo que existe algo máis.
É difícil ser intérprete dos sentimentos dun colectivo, por iso vouno facer en clave persoal. Creo que todo o anterior contribúe á nosa unión. E habería que engadirlle algúns outros argumentos, tamén moi sólidos: a amizade que cultivamos con algúns dos monxes, que foron os nosos profesores e amigos. Aínda que actualmente todos eles están falecidos, conservamos e respectamos a súa memoria.
Existe tamén un sentimento de fidelidade a Samos. É un sentimento amplo e global, que abrangue o mosteiro, tanto pola súa monumentalidade, como porque foi a nosa casa durante anos, o centro de estudos e o ámbito no que crecemos e vivimos. A nosa lealdade a Samos inclúe a súa xeografía, a súa historia, a súa paisaxe, os seus camiños, as súas aldeas, a súa xente.
Samos vai en nós. E volver a Samos é sempre unha ledicia, un rechouchío de sentimentos que resoa na primavera emocional. Samos foi para min unha fonte de aprendizaxes e vivencias múltiples, manifestadas inicialmente nas palabras. Alí aprendín a dicir chopo e pradairo, gregoriano e latín, veiga e gralleira, abade e novicio, Oribio e Carballal, nereidas e arandos, Lusío e Lóuzara, Toca e Pascais... E ao aprender a dicir tamén asimilei o coñecemento que designan...
Non falo gratuitamente, nin especulo coa nostalxia de cando eramos máis novos. A Samos sempre vou para levar o testemuño do meu afecto e o compromiso con este territorio. Cando retorno, traio a cámara fotográfica acugulada de fotografías e o ánimo saturado de sinxelas emocións. Traio o conforto dos compañeiros, a alegría evidente en cada instante e a quentura das apertas nunha xornada feliz vivida en comunidade cos amigos.
Manuel Busto Galego
 |
Oito de dez, retratados por primeira vez diante destas grandes letras de SAMOS |
 |
Na galería da Casa da Botica, que nos ensinou moi xentilmente Cristian Arias. |
 |
Nun cuarto do hotel "A Casa da Botica" |
 |
Seis de nós no xardín da Casa da Botica e co mosteiro de fondo. |
 |
Sobre a ponte, onda a Casa da Botica |
 |
Foto oficial da Xuntanza no Claustro do P. Feijoo. |
 |
Visita ao Claustro das Nereidas |
 |
No Claustro Grande ou do P. Feijoo |
 |
O xardín exuberante do Claustro Grande |
 |
A igrexa monacal, alegre e decorada para unha cerimonia nupcial |
 |
Xantar de irmandade no restaurante A Pontenova. |
 |
O amigo Fidalgo, ataviado para a ocasión, agasallounos cunha exquisita e recitada queimada |
 |
O feitizo do lume sentounos a todos arredor da augardente ardendo. |
 |
Visita á igrexa de Loureiro, no pórtico. |
 |
A vella escola de Loureiro, testemuña de múltiples paseos nosos por aquí en dirección a Freituxe |
 |
Portada de entrada á igrexa de San Martiño de Lousada. |
 |
Admirando a igrexa de San Martiño de Lousada, restaurada hai poucos anos |
 |
Exterior da igrexa de San Martiño de Lousada |
 |
Posteriormente xiramos visita á magnífica ermida románica de San Román de Lousada |
 |
Ao fondo a casa que é sede da Fundación O Noso Lar. Lousada. |
1 comentario:
Gracias Manolo por docuntar estás Xuntanzas
Publicar un comentario