9.2.13

MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DE BERGONDO (A CORUÑA)

Queridos compañeiros, o sábado 3 de febreiro tiven a sorte de celebrar un encontro de traballo cun grupo amplo de persoas que formamos a Asociación de Crentes Galegos “IRIMIA” en locais do Mosteiro de San Salvador de Bergondo, preto de A Coruña. Os locais que utilizamos para o noso encontro pertencían ao antigo claustro do mosteiro, abandonado desde os tempos de exclaustración (1835), pero en proceso de rehabilitación para usos diversos.
            Acordeime de Samos, por suposto. Acordeime de todos vós. Ter vivido o que xuntos temos vivido en Samos dános un aquel especial para situarnos nestes espazos privilexiados, para poder admirar o seu encanto, aínda que os edificios estean medio derruídos, para poder entrar no mundo de luz e de soños, de tribulación e de desfeita que se construíu ao abeiro de paredes e tellados.
            San Salvador de Bergondo foi un mosteiro menor. Sabedes moi ben que en Galicia, a maiores dos grandes mosteiros como Celanova, San Martiñio Pinario e Samos, había unha ampla rede de prioratos dependentes deles. San Salvador de Bergondo pertencía a San Martiño Pinario de Santiago de Compostela.
            Precisamente por seren mosteiros menores, por ten menor número de monxes –normalmente andaban pola ducia— e por ter menores rendas tamén, non puideron expoñerse a construcións maxestosas nas que, sobre todo nos séculos XVII e XVIII, se embarcaron os grandes mosteiros. Nin as precisaban, nin tiñan medios para facelas.
            Pero, como non hai mal que por ben non veña –aínda que o ter pouco e ser menor eu nunca o considera un mal, case ao contrario--, o non facer grandes obras de cambio e transformación, permitiunos contemplar obras coma esta igrexa románica da que vos ofrezo varias fotos. Algo así, quizabes un pouco máis grande, debeu ser a igrexa románica de Samos, da que se conserva unicamente a porta sur da nave principal, e que foi destruída no s. XVII-XVIII para construír a actual que coñecemos. Vedes que preciosidade de Igrexa. Fachada principal perfecta, simple, sen grandes decoracións, pero cos elementos que caracterizan un modelo románico. Tres naves, como conviña a un mosteiro, que necesitaba máis espazos do que unha igrexa parroquial rural para poder desenvolver no seu interior o culto monástico. Tres ábsidas semicirculares ben acompañados das súas correspondentes ventás, columnas adosadas, capiteis, todo sobriamente decorado. Dúas pequenas portas laterais, unha polo sur e outra polo norte, para dar acceso ao templo tanto aos monxes do mosteiro coma aos veciños e veciñas da parroquia.
            No interior chamaravos a atención, se algún día a ides visitar, a imaxe policromada do Salvador, patrón da igrexa e do mosteiro, que non sei datar convenientemente, pero que me parece especialmente meritoria; tamén me pasa o mesmo co santo Cristo situado no interior sobre a porta pequena norte. E por suposto o retablo e altar de San Bieito, coa imaxe do patrón querido, cos símbolos que o caracterizan: báculo, mitra e corvo co pan na boca; na parte alta do mesmo retablo, san Bernaldo na nosa esquerda, Santiago peregrino no centro, e san Veda o Venerable na nosa dereita.
            Foi para min un verdadeiro pracer pasar esta xornada aquí, en Bergondo, con ese grupo de amigos e amigas; foi un pracer tamén visitar con calma a igrexa, e ir descubrindo pasiño a pasiño eses elementos dos que nós sabemos tanto, sobre todo porque dunha forma ou doutra os levamos dentro do noso corazón, como parte da nosa configuración humana e espiritual. Un mundo vello, pero non por pasado, coido eu, insignificante para as persoas que hoxe desde novas perspectivas queremos construír o noso presente persoal e social con peso e densidade.
            Anímovos a visitalo cando poidades. Ademais está cerca de zonas de interese turístico, paisaxístico, praias incluídas, que vos permitirá gozar dunha espléndida xornada de descanso e vacación.
Un abrazo para todos vós, extensivo, por suposto, aos monxes de Samos que no presente manteñen vivo o espírito que lle deu e lle dá alento e vida ás construcións que contemplamos. O dito, un abrazo cheo de afecto.
                                                                                                 MANUEL REGAL LEDO

No hay comentarios: