11.6.10

Alumnos da USC catalogan fondos documentais da abadía de Samos

A comunidade benedictina do mosteiro de Samos asinou un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) polo que alumnos en prácticas do centro catalogan os fondos documentais da abadía.
Os estudantes "levantan os fondos" para documentar así o patrimonio monástico, que aínda está sen cuantificar e estudar. Os mozos comezaron catalogando os pergamiños e cartapacios do arquivo, onde se atopa a documentación "máis delicada", explica a museóloga da abadía, Carolina Casal. A comunidade descoñece o número de pergamiños existentes no arquivo, similar a dúas "habitacións cheas".
Entre estes manuscritos atópanse documentos procedentes doutros mosteiros, como de San Vicente do Pino, Celanova, Leiro e Ferreira de Pallares, así como doutros priorados. Estes fondos foron a parar abadía, xa que tras a desamortización de 1835 este foi o único mosteiro que volveu ser benedictino, polo que as monxas Antealtares que conservaban a documentación entregárona a Samos. Os textos relacionados co mosteiro son minoría porque durante a Desamortización moitos deles trasladáronse ao Arquivo Histórico Nacional de Madrid, do mesmo xeito que ocorreu noutros cenobios.
"Empezamos co arquivo porque están os fondos máis antigos. Canto máis se saiba do arquivo, máis se lles ofrece aos investigadores", sinala Casal. Entre os documentos que se poden atopar no mosteiro figura a correspondencia entre os pais Feijoo e Sarmiento —só se conservan catorce cartas, o resto perdeuse no incendio de 1951 — e textos de entre os anos 1500 e 1900 procedentes da Casa Grande de Lusío, a maior extensión agraria da zona, con 300 hectáreas.
Os fondos máis antigos do arquivo datan do século IX e, en xeral, atópanse "bastante ben conservados", apunta a museóloga. "é unha biblioteca con poucos medios e a conservación faise o máis adecuado posible", di. Os estudosos cren que se que poden achar documentos completamente descoñecidos, xa que naquel momento podíanse usar para forrar outros máis actuais.
Proceso
Os alumnos elaboran fichas coas características de cada documento —número, descrición do pergamiño e do seu contido e o estado de conservación— co fin de envorcalos nunha rede de bibliotecas para que investigadores e público en xeral poidan coñecer os fondos da abadía benedictina.
A catalogación permite saber o estado dos documentos e se é necesaria a súa restauración ou unhas condicións ambientais especiais para a súa conservación. Ademais de inventariar, preténdese modificar a forma de utilización da biblioteca. Este traballo tamén terá un papel importante para o futuro museo, xa que o dotará dun centro de investigación sobre a vida monástica.
Os primeiros tres alumnos, procedentes do máster de Servizos Culturais de Humanidades do campus de Lugo, traballan desde o luns no mosteiro, onde pasan a noite. Os mozos participantes neste proxecto —Xemma Sanxurxo, Xullo Doo e Raquel González— consideraron un "privilexio" poder levar a cabo este traballo e destacaron o valor de ter nas mans e poder traballar cos documentos que estudaran na universidade.
A comunidade benedictina xa levou a cabo no pasado proxectos para documentar os fondos da abadía. O pai Maximino, falecido en 1992, iniciou a documentación dos fondos. Este relixioso tamén se encargou de levar a Samos microfilmados e fotocopiados documentos relacionados co mosteiro que se atopaban no arquivo madrileño.
No ano 2000 a abadía entrou a formar parte do Proxecto Meiga, unha rede de bibliotecas galegas na que se pode consultar as bases de datos de cada centro. Entrar neste proxecto suporía facer un inventario de todos os fondos documentais do cenobio.
Unha biblioteca con 130.000 exemplares. A biblioteca conta con 130.000 libros, segundo as estimacións, sen contabilizar os pergamiños e cartapacios, que son innumerables. Ademais, o mosteiro posúe varios incunables, textos que foron editados desde a invención da imprenta ata principios do século XVI.
Catro anos. O convenio coa USC ten unha duración de catro anos. Cada ano, en dúas quendas, de quince días de duración cada unha e entre 60 e 80 horas, a universidade ofrece cinco prazas, aínda que neste primeiro grupo só se cubriron tres. Cada día, os tres estudantes participantes documentan ao redor de cincuenta escritos.
Colaboracións. A comunidade benedictina estuda pedir axuda a outros organismos, xa que catalogar a totalidade dos fondos documentais levará anos.
11/06/2010. El Progreso.

No hay comentarios: