29.5.09

RíO ORIBIO

O Oribio camiña engorde
dende a serra deica o val
vai a rentes do mosteiro
fai camiño devagar.
Oribio de frías augas
ten un vieiro longal
feito sobre chan esgrevio
do seu terrón secular.
Un camiño verdecente
no largacío torzal
onde se pousan as brétemas
ao morreren no serán.
Unha canle de terra viva
na terra viva e lanzal
labourada con amor
no silencio fraternal.
Ouh río Oribio, boi bravo
garuleiro furacán..!
Poldro salvaxe da serra
sen nome para te chamar.
Ouh río, antergo río,
antergo como a soidá,
cabalo de puro sangue
galloupando polo val.
---Tiquitiqui, tiquitaque,
tiquitaque, tiquitac---.
Paso firme, testa ergueita
camiño do longo mar.

FIZ VERGARA VILARIÑO (Adaptación).

No hay comentarios: